Illa Bufarda
Comunicación e TIC
Quen somos?
Un equipo de tres mulleres profesionais da comunicación audiovisual. En 2023 transformámonos en Sociedade Cooperativa porque é a estrutura empresarial máis representativa da filosofía da produtora e máis coidadosa e digna para as socias traballadoras. O noso compromiso co entorno atravesa as narrativas que creamos na Illa Bufarda promovendo un imaxinario feminista, xusto e sostible co noso medio. Entre os nosos servizos está a formación, a Escola da Illa, na que fomentamos a creación colectiva apostando pola creatividade como forma de tecer redes e facer comunidade.
Este proxecto está integrado por Adriana Pérez Villanueva, Sabela Iglesias Reviejo e Pilar Fernández Abades. As tres somos comunicadoras audiovisuais e temos estudos de especialización en animación, deseño e fotografía, o que nos converte nun equipo multidisciplinar e moi versátil.

Que facemos?
Illa Bufarda é unha produtora audiovisual que nace no ano 2012 como un proxecto cultural, sensible e comprometido coa promoción e a divulgación da cultura dende un eido ben definido: a linguaxe audiovisual. Ofrecemos servizos de produción audiovisual (en todas as súas fases), deseño gráfico, animación 2D, fotografía e solucións de comunicación integral de proxectos, empresas e outras entidades. Tamén realizamos propostas formativas nesas áreas de traballo. Conxugamos o quefacer didáctico sobre mirada, as imaxes e os medios coa creación colectiva e participación social.
Temos presente a inclusión
Compartimos un espazo de traballo con outros proxectos empresariais e contratamos conxuntamente a Compostela Inserta para as tarefas de limpeza do local.
Somos ESS porque...
somos unha cooperativa na que as tres socias traballadoras repartimos todas as funcións de xeito equitativo. Os nosos procesos creativos son conxuntos e por consenso. Aprendemos constantemente as unhas das outras. Traballamos para crear narrativas sostibles, feministas, de bo trato, poñendo en valor o noso entorno e a nosa cultura, sempre en galego.
Traballamos dende a perspectiva de que outra forma de relacionarse na economía é posible. Cremos que o feminismo, a igualdade, a cooperación e o coidado da contorna son fundamentais e procuramos que así o sexa en todos os proxectos da nosa cooperativa.
- Avenida Rodríguez de Viguri, 6, 1º, 15703, Santiago de Compostela
- 693 596 074
