Tribo Salvaxe
Cultura e arte
Editorial e imprenta
Quen somos?
Tribo Salvaxe S. Coop. Galega insírese nun proxecto de maior alcance: a creación dunha ecoaldea no rural ourensán, un lugar onde vivir de forma comunitaria e respectuosa co medio, fomentando a creatividade artística e implicándonos na contorna, na procura de alternativas ao sistema económico e social imperante.
As nosas actividades económicas están atravesadas polos principios da equidade, o traballo digno, comunitario e solidario, a sustentabilidade ecolóxica, o activismo feminista e social e o compromiso coa contorna.
Tribo Salvaxe somos:
Laura G. Loaisa: estudei cine e caracterización e durante quince anos traballei como técnica de efectos especiais para cine, teatro e publicidade. Actualmente traballo como ilustradora e artesá téxtil e na posta en marcha da escola obradoiro da nosa cooperativa.
Paco Luna: enfermeiro de profesión e ocupación durante moitos anos, na actualidade traballo na nosa cooperativa como artesán e colaboro na posta en marcha da nosa escola obradoiro.
Fran Zabaleta: licenciado en Historia pola USC, escritor e divulgador. Son o editor responsable da editorial Los Libros del Salvaje.

Que facemos?
Los Libros del Salvaje ten vocación literaria, social, ecoloxista, rural e feminista. Publicamos historias de vidas á marxe, libros que reflexionan -e nos fan reflexionar- sobre a nosa contorna, sobre a maneira en que vivimos e sentimos, textos que nos axudan a comprender canto nos rodea e a espertar colectivamente.
Tamén deseñamos, creamos, manufacturamos e ofrecemos produtos con ideoloxía: libretas salvaxes, téxtiles con mensaxe, etc., elaboramos produtos artesanais de madeira e estamos poñendo en marcha unha escola obradoiro de creación artística e literaria e artesanía.
Somos ESS porque...
defendemos a equidade entre as persoas, apostamos polo decrecemento, temos un claro compromiso coa sustentabilidade ecolóxica, organizámonos seguindo as pautas da sociocracia e pretendemos deixar a nosa pegada na contorna colaborando na difusión dun xeito de vida máis solidario, comunitario e respectuoso co medio e as persoas. Na nosa cooperativa todas percibimos o mesmo salario, independentemente do xénero e o traballo realizado, e reinvestimos os beneficios na comunidade e na creación de novos postos de traballo. Tamén colaboramos con outras persoas e entidades que se moven polos mesmos principios.
- Aldea Betán 12, 32704 Baños de Molgas (Ourense)
- 694 239 239
