Solidariedade Internacional de Galicia
Acción social e ONG
Quen somos?
Unha entidade formada por persoas que vemos a solidariedade como unha forma de ser e estar no mundo. Somos persoas comprometidas, responsables e profesionais, convencidas do noso modelo de acción e que traballamos pola erradicación da pobreza e a redistribución equitativa dos recursos.
Cremos na educación como ferramenta de transformación social e nun modelo económico ao servizo de todas as persoas. Promovemos a solidariedade galega para un desenvolvemento compartido cos países do Sur.
A través do Comercio Xusto e actividades educativas, impulsamos un consumo ético que prioriza os dereitos das persoas e do medio ambiente fronte ao beneficio económico. Distinguímonos ao demostrar que outro modelo económico, máis xusto e humano, é posible.

Que facemos?
Ao longo da nosa historia temos posto en marcha proxectos de cooperación internacional en 15 países da man de moitas organizacións locais, traballamos co estudantado galego e abrimos tres tendas de Comercio Xusto que cada día, dende hai 20 anos, abren as súas portas a diario nas cidades de Ourense, Pontevedra e A Coruña.
As tendas de Comercio Xusto de Solidariedade Internacional son espazos de encontro que promoven a solidariedade e o consumo responsable que se abren grazas ao labor das persoas voluntarias. Contamos tamén cun servizo de pausa café para eventos.
O Comercio Xusto é, para nós, a oportunidade de promover un cambio na nosa maneira de consumir, alentando á reflexión sobre as prácticas e consecuencias dos actuais modelos de produción, comercialización e consumo e apostando por alternativas que xa son unha realidade. Consumindo Comercio Xusto estamos a garantir prezos xustos, condicións laborais dignas e apoio ás comunidades produtoras máis vulnerables. ademais de obter produtos e servizos sostibles e éticos, participando nunha economía que respecta as persoas e o medio ambiente e promove un cambio social positivo.
Somos ESS porque...
Apostamos por un modelo económico que pon ás persoas no centro, fomenta a equidade, o respecto ao medio ambiente e promove a cooperación como ferramenta para construír unha sociedade máis xusta e sostible. Traballamos desde os valores da ESS, creando alternativas reais ao mercado convencional e xerando un impacto positivo tanto local como global.
A través das tendas de Comercio Xusto promovemos relacións comerciais éticas, e coa nosa área de cooperación internacional desenvolvemos proxectos que loitan contra a pobreza e fortalecen organizacións locais. Ademais, fomentamos a educación en valores de consumo responsable, demostrando que unha economía máis xusta e sostible é posible.
- Vereda Polvorín, 2, 15002 A Coruña
- 625 593 860
