Rexenerando
Consultoría e I+D
Educación e formación
Quen somos?
Unha cooperativa sen ánimo de lucro afincada en Ferrolterra. Desde ela, un equipo interdisciplinar de persoas desenvolvemos proxectos socioculturais arredor dos nosos tres eixos de traballo: facilitación de grupos e participación social; igualdade e diversidade; cultura, memoria e lingua.
Detrás de Rexenerando estamos:
· Andrea Rico: Son educadora social e interésame acompañar aos grupos na xestión do conflito e a democracia profunda, construíndo liderados transformadores.
· Olga Romasanta: Son historiadora da arte e móveme a visibilización dos saberes e relatos subalternizados desde as ferramentas da innovación social.
· Martín V. Añel: Son sociólogo e apaixóname o traballo pola diversidade sexual e LGBT+, tanto no nivel persoal coma nas políticas públicas.
· Paola Bermúdez: Son educadora social e mobilízame a educación para a participación e o acompañamento a infancias e adolescencias desde os feminismos.

Que facemos?
A nosa proposta de traballo busca a xustiza social, apoiándose en diversos servizos e ferramentas para acompañar ás persoas e colectivos a camiñar cara ese horizonte. Os feminismos e a facilitación de grupos están no cerne de todos os nosos proxectos. Tanto no deseño como na intervención, atendemos con mimo, escoita e mirada crítica os diferentes procesos que se nos presentan, apoiándonos no diálogo, o compromiso e a transparencia como piares da nosa praxe. Velamos por consolidar postos de traballo dignos e estables.
Os nosos servizos engloban desde o deseño de metodoloxías para o traballo en colectivo e o acompañamento a grupos; a coordinación de campañas de sensibilización e procesos participativos; até o deseño e impartición de actividades socioeducativas para públicos diversos, entre outros.
Somos ESS porque...
Traballar desde e para os principios e valores establecidos pola Alianza Cooperativa Internacional é parte da misión de Rexenerando. Desde a nosa xénese, orientan a nosa acción tanto no traballo produtivo coma na xestión interna da cooperativa, impregnando a nosa práctica en todas as súas dimensións. Comprometémonos cara a fóra e cara dentro coa democracia profunda, a atención á diversidade, a escoita e o diálogo, o apoio mutuo, a transparencia ou a innovación.
- Rúa María, 94, 15401 Ferrol
- 604 03 35 15
