O espírito da colmea
Agro e ambiente
Quen somos?
O nome do espírito da colmea nace como unha homenaxe ao rural e as abellas, referenciando os valores da comunidade, tan unidos ao rural, onde a comunidade sostén a vida e o traballo no campo, como as abellas que traballan como un ser único. O mel é unha redución da esencia dos lugares que habitan as abellas, por iso un dos principios fundamentais é o coidado da paisaxe que nos alimenta. Coidar da paisaxe é ao final coidar da saúde das persoas con produtos de calidade.
O meu nome é Natalia. Descubrín o mundo das abellas despois de atoparme un enxamio que vivía nas paredes do muíño do meu avó. Desta casualidade naceu a decisión de colocar unha colmea nese lugar e así comezou o meu amor polas abellas. Despois de 10 anos de aprendizaxe dos ritmos e do funcionamento das colmeas, decidinme lanzarme a ser apicultora profesional, e crear a marca de produtos apícolas “o espírito da colmea”. Unha iniciativa que se desenvolve ao redor da protección da natureza.

Que facemos?
O espírito da colmea vive no corazón de Galicia, na Ulloa, entre o monte Farelo cheo de breixos e toxos e carballeiras mais soutos que conviven cos prados. Na alma desta iniciativa está o coidado da saúde das persoas. Coidando das abellas e do territorio que habitamos, conseguimos produtos de calidade, recollendo cada ano a esencia da paisaxe ulloana convertida en mel, pole e própole. Colaboro coa asociación de custodia do territorio Quercus sonora mediante actividades lúdicas no bosque custodiado a través do mundo das abellas, contribuíndo así na difusión do coidado do bosque autóctono. Con esta colaboración valorízase a riqueza da paisaxe como motor económico dende o seu respecto e protección.
Somos ESS porque...
é unha iniciativa que produce alimentos saudables respectando os recursos naturais e defendendo que a riqueza do territorio pode xerar iniciativas sustentables á vez que respectan a natureza. Ademais de colaborar con outras iniciativas da Ulloa aliñadas con estes principios produtivos e de defensa do territorio.
- Aldea Lugar de Laxe s/n 27207 Palas de Rei
- 662302407
