Nosa Enerxía
Enerxía
Quen somos?
Samanta, Eva, Jose Antonio e Ángel somos as traballadoras de Nosa Enerxía que axudamos ás nosas socias e consumidoras a reducir a súa factura da luz e a defender os seus dereitos, así como promover as enerxías renovables, as comunidades enerxéticas e protexer o noso territorio e medioambiente.
A nosa proposta, a priori, é facer sinxelo a xestión da enerxía nas nosas vivendas, que quen contacte con nós porque non entenda algo na súa subministración consiga achegarse un pouco a este sector tan hostil. Porén, a nosa proxección vai máis aló, queremos non só tecer unha rede sustentable e ética na Galiza, senón buscar a soberanía enerxética, comezando por crear unha entidade de xeración que nos beneficie a nós mesmas e a todas as nosas socias.

Que facemos?
Somos a única cooperativa de consumo de enerxía de Galiza, principalmente provemos de enerxía ás vivendas/negocios das nosas socias. O que nos diferenza doutras comercializadoras é o noso interese social por formar parte de xeito consciente do tecido socioeconómico da nosa terra e por tratar de democratizar o sector da enerxía traballando a favor da soberanía enerxética. É por iso que as nosas funcións tamén supoñen loitar polos dereitos das nosas socias, participar doutras entidades éticas e, en xeral, promover o consumo responsable, renovable, local e sustentable.
Somos ESS porque...
creemos nos seus principios e na fortaleza das persoas, fronte o capital, para conseguir unha sociedade mellor.
A nosa enerxía é 100% renovable e tratamos de non xerar residuos no noso día a día, reducir desprazamentos e caso de ter que adquirir produtos que sexan de orixe local, reciclado e produción ética.
Cooperamos con outras entidades da contorna e do sector da ESS. Buscamos dignificar o traballo favorecendo a conciliación segundo as necesidades sociopersoais de cadaquén, e facémolo desde a equidade no reparto de tarefas e funcións, así como na toma de decisións de xeito horizontal.
- Rúa do Marqués de Valladares, 14, 2º, oficina 4, 36201 Vigo, Pontevedra
- 681 608 386
