Bico de grao
Alimentación
Quen somos?
As tres socias desta cooperativa, movidas polo activismo social e o noso compromiso coa contorna, e tamén cun xeito de traballar máis respectuoso con nós mesmas, abrimos esta tendiña alá polo 2014.
O noso obxectivo primeiro é o de sensibilizar sobre a importancia do consumo consciente, crítico e solidario. É por iso que apostamos polo único xeito de agricultura que concibimos, que é a ecolóxica e pola redución do impacto dos nosos actos de consumo. Pretendemos que Bico de Grao sexa ese espazo onde facer a compra semanal sexa unha tarefa coherente, xusta e baseada na confianza.
Somos tres amigas, Manuela, Vane e Marta que con bagaxes laborais e académicas ben diversas, decidimos unirnos para facer aquelo que cremos que pode axudar a mudar o mundo cara un, un chisco mellor. Cremos firmemente na capacidade transformadora da unión de forzas e a participación colectiva. Xuntarse ás afíns e, sempre cunha perspectiva solidaria e ética, ir tecendo mecanismos de resistencia ante a deriva do sistema capitalista.

Que facemos?
Bico de grao pretende ser un espazo de consumo crítico e encontro ético. Dende este recuncho de Lugo ofrecemos un proxecto que se fundamenta en catro piares fundamentais:
1. Tenda de produto ecolóxico a granel
2. Espazo de actividades de sensibilización
3. Grupo de Consumo
4. Obradoiro téxtil propio: Fixenöeu.
Temos presente a inclusión
Mercámoslle produto a Josenea e La Bolseta, ambas empresas empregan a persoas con discapacidade.
Somos ESS porque...
apostamos polo comercio local, ecolóxico e de comercio xusto. Traballamos man a man con distintas ONGD's e outras organizacións sociais e priorizamos que sexan este tipo de entidades as que nos provean por riba de outras. Cremos no poder da persoa consumidora e por iso boicoteamos algún produto dependendo da súa procedencia ou fomentamos a compra de outros polo mesmo motivo. Traballamos en rede todo o que podemos, consumimos a pequenas produtoras da ESS e participamos activamente do tecido social da nosa contorna.
Somos unha cooperativa sen ánimo de lucro, apostamos pola creación de postos de traballo dignos e respectuosos coas persoas. Somos unha entidade horizontal, cooperativa, e onde todas as socias teñen igual salario. Somos mulleres e priorizamos a contratación de mulleres, sempre. Formamos parte de distintas agrupacións e asociacións de economía social e solidaria e promovemos o consumo nas provedoras que tamén fan parte. Somos transparentes nos nosos procesos e apostamos pola contratación de servizos tamén aliñados cos nosos valores solidarios e éticos.
- Ronda das Fontiñas, 226, 27002 Lugo
- 982 807 935
