A que garda sempre ten
Téxtil e complementos
Quen somos?
Un proxecto de suparreciclaxe que nace da necesidade de crear xerando o menor impacto e residuos posibles.
Detrás estamos dúas artesás; Cris (que é tamén ilustradora) e Oli (que é tamén mestra), dúas mulleres do rural que padecemos iso ao que nós chamamos "ecodióxenes" e un día decidimos partillar co resto do mundo a nosa teima de ver luxo no lixo. E así, coa máxima de “a que garda sempre ten, e gardar sempre foi ben” foi como naceu este proxecto.
Na sociedade na que vivimos crear a modo e con agarimo, facer pezas únicas e duradeiras, coñecer a quen mercas e a quen vendes, reparar e non tirar é revolucionario. Crear un proxecto téxtil que trate de ser consecuente con estas dinámicas e ao mesmo tempo respectuoso co medio ambiente é difícil e, por veces, ata contraditorio. Se a isto lle sumamos a máxima de non renunciar á nosa lingua nin ás raíces rurais que nos sosteñen e a participar só en e de proxectos que compartan os nosos principios e valores, o desafío tórnase maior. E nestas estamos, facendo o que podemos co que temos.

Que facemos?
Ofrecemos solucións creativas, complementos, encomendas personalizadas, xogos e obradoiros. Usamos principalmente téxtil en desuso e con moito agarimo e coidado, reempregamos este material para darmos vida a pezas únicas.
Buscamos, non só crear novos produtos a partires doutros xa existentes, senón tamén promover un pensamento crítico e un cambio de ollada na sociedade que se traduza en mudar os nosos insostibles patróns de consumo por outros máis respectuosos. É por isto que tamén desenvolvemos obradoiros, porque entendemos que a educación é a base para xerar un cambio de mentalidade, polo que cremos fundamental concienciar da importancia do coidado do medio ambiente e de adoptar unha maneira máis ética de consumir.
Somos ESS porque...
Promovemos e practicamos un consumo responsable, tratando de crear en base ás vosas necesidades e non para crearvos necesidades. Aínda que unha parte do noso proxecto se centra en producir para o consumo, buscamos que os nosos produtos sexan tamén un ben de uso. Para iso ofrecemos a posibilidade de crear personalizado e a medida. E facemos, sempre, pezas únicas, versátiles e feitas para durar.
A nosa materia prima é principalmente téxtil reutilizado, e cando precisamos mercar, facémolo no pequeno comercio e de proximidade. Apostamos por mover o noso produto por proxectos autoxestionados e iniciativas acordes á nosa filosofía.
- Lalín (Pontevedra)
- 699 35 25 93
