A Casa das Redes S.Coop.Galega
Cultura e arte
Acción social e ONG
Turismo e lecer
Emprego social
Quen somos?
Somos unha cooperativa galega sen ánimo de lucro que nace para tecer redes entre persoas, entidades e territorio. Traballamos desde a igualdade, os coidados, a educación, a cultura e a participación comunitaria, especialmente no rural. Apostamos por unha economía que poña as persoas e a vida no centro, fronte ao beneficio económico. Cremos no traballo colectivo, na cooperación e na transformación social desde o próximo, construíndo proxectos coa comunidade e non só para ela.
Somos Dámaris Sánchez Otero, Miguel Maciel Carneiro (Muqi), Ana Isabel (Ani), María Benito (Mari) e Diego. Un equipo de persoas con diferentes traxectorias no ámbito social, educativo, cultural e comunitario, pero cunha mesma maneira de entender o traballo. Gústanos crear, experimentar, aprender e facer cousas que teñan sentido para a xente e o territorio. A Casa das Redes nace das ganas de traballar doutro xeito, sumando miradas, compartindo coñecementos e demostrando que desde a cooperación e os coidados tamén se poden construír proxectos transformadores.
%2520-%2520D%25C3%25A0maris%2520S%25C3%25A0nchez.jpg&w=3840&q=75)
Que facemos?
Desenvolvemos proxectos e servizos sociais, educativos, culturais e comunitarios:
- Ofrecemos formación, obradoiros de igualdade e diversidade, educación afectivo-sexual, actividades de ocio e tempo libre, campamentos, programas de mocidade, orientación laboral, Puntos Lila e espazos seguros.
- Deseñamos e xestionamos proxectos culturais, procesos de participación cidadá, iniciativas interxeracionais e de dinamización rural.
- Acompañamos a entidades e administracións no deseño, coordinación e avaliación de proxectos, apostando sempre por propostas participativas e inclusivas.
TEMOS PRESENTE A INCLUSIÓN
A inclusión e a igualdade de oportunidades forman parte da nosa maneira de entender o emprego. Apostamos pola contratación de persoas con traxectorias e realidades diversas, incluídas persoas trans e persoas que se atopaban en situación de desemprego antes de incorporarse ao noso equipo.
Somos ESS porque...
cremos que hai outra maneira de facer as cousas. Porque preferimos cooperar antes que competir, poñer as persoas por diante dos beneficios e crear proxectos que melloren a vida das nosas comunidades. Somos unha cooperativa sen ánimo de lucro que aposta pola igualdade, os coidados, a cultura, a participación e o compromiso co territorio, especialmente co rural galego. Traballamos desde o próximo, tecendo redes e demostrando que a economía tamén pode ser unha ferramenta para transformar a sociedade. Porque para nós non se trata só de traballar, senón de construír un mundo no que nos guste vivir.
- Camiño San Roque, 6 Baiona - Pontevedra
- 651190679
